Medra a presenza galega no Foro Social Mundial

Entre o 27 de xaneiro e o 1 de febreiro, no Foro Social Mundial de Belém do Pará na Amazonia brasileira, a Fundación Galiza Sempre comparte co CIEMEN (Centro Internacional “Escarré” para as Minorías Etnicas e as Nacións) catalán o impulso dun Espazo polos Dereitos Colectivos dos Pobos que acollerá máis de dezaoito actividades protagonizadas, entre outros, por representantes dos pobos mapuche, guaraní, aimara, quechua, kíchwa e maia, en diálogo coas delegacións kurda, amazigh, palestina ou tamil e das nacións sen estado integradas na CONSEU europea.

Os debates xirarán en torno a proxectos de construción de soberanía ou sobre o rol das nacións sen estado na articulación dunha orde xurídico-política alternativa á globalización, nunha iniciativa que representa un salto cualitativo na presenza dos dereitos colectivos dentro do proceso do FSM.

A participación galega será a máis nutrida desde 2001. Intervirán como ponentes Xosé Manuel Beiras e Camilo Nogueira, asi como representantes da CIG e o Sindicato Labrego Galego. Xabier Macías falará en representación do Centre Maurits Coppieters, fundación política europea vinculada a EFA-ALE e Ana Miranda (BNG) moderará un acto de solidariedade con Palestina.

Para Xabier Macías, director de Galiza Sempre, “o Foro de Belém vai ser unha excelente oportunidade para a confluencia de forza e ideas entre pobos que reclaman soberanía e transformacións sociais en todos os continentes, contribuindo a enriquecer o discurso do movemento antiglobalización, en pleno debate sobre a súa estratexia futura”.

Este último aspecto é outro dos atractivos do encontro altermundialista. Nas análises impulsadas dende o Consello Internacional do FSM -onde Xosé Manuel Beiras se incorporou en 2008- fálase de crises -financeira, alimentar, ecolóxica,…- e apúntanse perspectivas multipolares na orde internacional, con novos paises emerxentes e declive da hexemonía USA. O Consello reunirase tamén en Belém nunha cita que se agarda determinante cando “o fracaso do fundamentalismo neoliberal apremia, en certo modo, a emerxencia e fortalecemento de alternativas”.

A fundación nacionalista participará tamén canda outros colectivos sociais do País presentes en Belém nun acto de presentación do recentemente celebrado Foro Social Galego.

Anuncis

Comentaris tancats a Medra a presenza galega no Foro Social Mundial

Filed under Notícies

Els comentaris estan tancats.